Wednesday 15 de May de 2024

Concello e Porto ultiman os detalles para a celebración da Tall Ship Races na Coruña


Inés Rey destacou a gran relevancia mundial desta proba, que terá lugar entre o 24 e 27 de agosto do 2023

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado. Na xuntanza, ambas as institucións avanzaron nos detalles do convenio de colaboración entre Concello e o Porto para a celebración da regata Tall Ship Races Magallanes-Elcano 2023, que recalará sete anos despois na cidade. Este evento de referencia mundial comezará en Reino Unido e, logo do seu paso pola Coruña, continuará ata Lisboa e Cádiz. No encontro participaron tamén o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, así como o director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez.

Nesta edición renderáselle homenaxe a unha das viaxes máis importantes da historia da navegación marítima, a levada a cabo por Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano hai máis de 500 anos. “Coincidimos na gran relevancia deste evento que volverá situar a nosa cidade no punto de mira internacional durante catro días”, apuntou Inés Rey.

Grazas ao acordo, o Concello utilizará as superficies portuarias necesarias para o desenvolvemento da actividade. O Concello será o responsable das actividades que se leven a cabo, da seguridade e da limpeza e recollida de lixo. Esta regata, que se desenvolverá entre o 24 e 27 de agosto, volverá á cidade tras sete anos de ausencia. Estaba prevista a súa presenza no 2020, pero tivo que ser cancelada pola pandemia.

Rey agradeceu a Fernández Prado a súa disposición para facilitar o desenvolvemento da regata. A alcaldesa explicou que o encontro mantido hoxe en María Pita enmárcase dentro das relacións de traballo existentes entre o Concello e a Autoridad Portuaria. Coa Tall Ships a cidade continúa a amosar o seu potencial para acoller grandes eventos.